Friday 26 de April de 2024

A exposición fotográfica Que a diabetes non te pare estréase na casa da cultura pobrense


A casa da cultura Raquel Fernández Soler acolle dende hoxe, venres 13, e ata 30 de novembro, a
exposición fotográfica itinerante Que a diabetes non te pare, correspondéndose a primeira parada co municipio pobrense, e coincidindo co Día Mundial da Diabetes, no 14 de novembro. Impulsada pola Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) e Pichero Estudio Fotográfico, coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación da Coruña, a dita mostra componse dunha vintena de imaxes, acompañadas de textos onde se relatan as experiencias de familias que viven esta enfermidade. Á estrea e acto de inauguración asistiron a concelleira da Cultura e da Sanidade, Patricia Lojo; a presidenta da Anedia, María José Rego; e o fotógrafo Víctor Manuel Martínez, coñecido como Pichero.
A edil Patricia Lojo manifestou que a intención destas imaxes é amosar que a diabetes non vai para-las persoas que a padecen; nesta ocasión, focalízase nas máis novas. Preséntase así nenos e nenas practicando disciplinas, e a súa sombra é o seu reflexo como persoas adultas convertidas en profesionais.
Tamén expresou o seu agradecemento á asociación e ao fotógrafo polo seu labor, así como á institución provincial por colaborar neste tipo de proxectos. Concluíu a súa intervención animando a veciñanza a que se achegue a visitar esta exposición que contribúe á divulgación e sensibilización.
Pola súa parte, a presidenta da Anedia, María José Rego, explicou que a entidade se centra na diabetes tipo 1 e que impulsan numerosas iniciativas pola plena integración a través dos colexios, servizos hospitalarios e tódalas capas da sociedade.
En relación cos aspectos técnicos, Pichero expuxo que o resultado son unhas fotografías onde se reflicte o presente e o futuro dos cativos e cativas con diabetes, demostrando "que podían facer calquera cousa e chegar a ser deportistas de elite." Nas imaxes predomina a cor azul e as persoas protagonistas aparecen con capas para amosar que son heroes e heroínas.
As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.